INTERCAMBIO ERASMUS IES ÁLVARO CUNQUEIRO E ESCOLA JOSÉ RELVAS
Este curso
2025-26 por primeira vez participou un grupo de 2º de ESO no programa Erasmus,
e tamén por vez primeira fomos a Portugal. O venres 15 de maio partimos para
Alpiarça, no centro-sur do país, na rexión do Ribatexo. Chegamos ata alí en
transportes públicos. Collemos un autobús na estación de Vigo rumbo ao Porto e
desde alí un “comboio” que nos levou ata Santarém. Na estación esperábannos as
familias acolledoras para levarnos á vila de Alpiarça.
Esa fin de semana
foi de coñecemento do alumnado da escola José Relvas e de integración nas súas
familias. E tamén nos iniciaron na cultura portuguesa a través dunha curiosa festa
na vila veciña de Chamusca.
O luns 18 coñecemos
a escola, onde nos agardaban moitas actividades: recepción e visita das
instalacións por parte do alumnado, unhas actividades deportivas moi dinámicas
e divertidas cuxos monitores foron os alumnos do ciclo de deporte desta escola
e que serviron para romper o xeo; aula sobre poesía na biblioteca, xogos
tradicionais e un encontro de poesía.
Ao día seguinte
asistimos a diversas clases, sobre todo de portugués e de español. Despois,
participamos nunha recepción oficial no concello de Alpiarça. Xantamos como o
día anterior no comedor da escola e saímos para visitar o Museo dos Patudos. Na
visita guiada explicáronnos que aquel pazo xunto coas súas terras foran dun
home, José Relvas, implicado na declaración da República de Portugal en 1910.
Coleccionista de obras de arte, de música, e de diferentes obxectos de valor,
ao morrérenlle os fillos, doou esta magnífica construción e as súas coleccións
ao pobo de Alpiarça. E é por isto polo que a escola de Alpiarça recibe o seu
nome.
Rematamos a xornada
participando en actividades náuticas no lago próximo, de novo dirixidas polo
alumnado do ciclo de deportes da escola.
O mércores 21
visitamos Lisboa. Coñecemos o turístico barrio de Belém a través dun xogo de
pistas: o Padrão dos Descubrimentos, os Jerónimos, a Torre de Belém... E
descubrimos un dos segredos mellor gardados de Portugal, a cociña onde se fan
os primeiros e máis ricos pasteis que reciben o seu nome precisamente por este
barrio.
Pola tarde tiñamos reservada a visita ao
museo QUAKE, no que de xeito interactivo
a modo de escape room, fixémonos unha idea de como fora o terremoto de
1755 ao que seguiu un tsunami que se
levou boa parte do centro de Lisboa.
Era
momento da despedida. Pola tarde emprendemos a volta, desde Santarem ao
Porto en tren e desde alí a Vigo en autobús.
.jpg)
.jpg)








Comentarios
Publicar un comentario